A Parroquia de Cangas, está situada na comarca da A Mariña Lucense, entre as villas de Foz y Burela, no cruce da estrada nacional 642 e da estrada autonómica 162.
CANGAS
San Pedro de Cangas é unha das nove parroquias que conforman o lucense Concello de Foz. Ademáis no plano xeográfico, ocupa a situación máis occidental entre todas elas.
Este pequeno, pero particular recuncho do norte desta terra meiga, Galicia, linda ao norte co mar Cantábrico ou, dun xeito máis enxebre, e aínda en verbas comúns dos máis tradicionais, con Inglaterra, mar Cantábrico en medio. Polo sur atopámonos cunha parroquia veciña, a de San Xulián de Cordido (tamén pertencente ao Concello de Foz), pola banda leste fai fronteira coa tamén parroquia focega de San Xulián de Nois e pola cara oposta, polo oeste, xúntase con tres frontes: as parroquias de Santa María de Rúa e San Román de Vilaestrofe (ámbalas dúas pertencentes ao Concello de Cervo), ademáis da localidade e concello de Santa María de Burela.
A súa superficie aproximada é de 6 km2 e esta abrangue todo tipo de marabillas que fan de Cangas un lugar de beleza e singularidade. En canto á xeografía, atopámonos coas formacións litolóxicas e características dos Altos da Bedoeda, os da Cova do Viso, do Perrobrinco, sumando tamén os do Agudo e mailo Coto do Faro, sendo estes dous últimos os máis coñecidos e soados nos lugares máis achegados e na propia Cangas. Tamén cabe engadir que no punto central da parroquia se ergue inminente o coñecido Couto das Abelairas que, dalgún modo, constitúe un faro natural desta rexión e, se nos situasemos no seu cumio, alcanzariamos a divisar integramente todo o pobo, coma se dun illote mariño se tratase.
Na parroquia de Cangas, tampouco podían faltar os ríos que bañan co líquido elemento estas terras. Estes son os ríos Alemparte (tamén coñecido coma Moucide) e o de Vilachá ou do Real, aínda que tamén hidratan este lugar algúns regatos ou ríos menores coñecidos polos habitantes de Cangas coma o Rego do Queixal, o Rego Liñeiro ou o Rego da Areoura. Pero, aparte da auga doce que discorre vagamente por este recuncho focego, a auga salgada tamén bica estas costas a través do Mar Cantábrico que, coa súa fereza e ao mesmo tempo calma, esculpe sempiternamente as exuberantes formas dos cantís que as nosas praias nos ofrecen. Múltiples destes lugares tinguen a Cangas, sendo un lugar concorrido nesta franxa cantábrica para gozar do turismo de sol e praia. Algunhas destas praias son a das Polas no límite coa parroquia de San Xulián de Nois, a dos Xuncos, a dos Alemáns (tamén coñecida coma Area Brava), a do Cantiño, no límite co Concello de Burela e a tantas veces galardoada e coñecida por numerosos visitantes e persoas do lugar que é a praia da Areoura, que leva sendo catalogada durante varios anos co recoñecemento de Praia con Bandeira Azul (do que só gozan as mellores praias do noso litoral) entre outros títulos. Estes máxicos enclaves mariños tamén se complementan coas fermosas ribeiras, nas que se atopan a Ribeira dos Xuncos, a de Riosmar, entre as que tamén se inclúen a de San Pedro, a da Louseira ou a do Couto Branco. Nestes ricos lugares críanse diferentes tipos de criaturas mariñas do tipo do marisco, coma nécoras ou centolo, entre outros peixes, que constitúen unha verdadeira delicia para os padais que forman parte dos pratos fortes dos establecementos máis afamados desta parroquia e nos arredores.
Xa mudando dun plano xeográfico a un social, cabe dicir que nos seus (máis ou menos) 6 km2, residen uns 1100 veciños que reciben a denominación singular de “tanguistas”. Estes divídense dun xeito bastante equitativo en poboación nova, madura e anciá, sendo esta última a que predomina lixeiramente xa que dende hai varias décadas a pirámide poboacional de Cangas é regresiva, a típica dos países desenvolvidos do mundo occidental. O oficio fundamental da poboación activa distribúese entre os sectores primario (con actividades coma a pesca, pola súa proximidade con Burela, que constitúen un importante foco pesqueiro no Cantábrico), secundario (en actividades industriais e da construción) e mailo terciario ou servizos. Estas últimas actividades cobraron auxe a finais dos anos 70, sendo o ámbito do industrial o que acaparou a maioría dos oficios dos tanguistas, fronte á agricultura e gandería, predominantes no pasado pero que foron decaendo cada vez máis até chegar ao tempo actual.
Xa na banda do aspecto monumental, destacamos, principalmente, a igrexa parroquial que data aproximadamente do século XVI. Tamén habemos de dicir que se atopa nun espazo característico e privilexiado, dado que está sostida por unha rocha que sobresae por riba do mar, o que lle confire un aspecto un tanto inusual ademais de que poucos edificios relixiosos se atopan nunha situación semellante. No seu interior existen tres retábulos relixiosos, un central e dous laterais. Tamén dentro da Igrexa, existe a chamada Capela do Carme, que ten un importante retábulo que foi restaurado recentemente. Unha das peculiaridades deste enclave relixioso é a existencia dunha moreira coñecida sobradamente por todos os veciños do pobo, dado que numerosas xeracións albiscaron o seu crecemento, e que na actualidade conta co privilexio de ser unha árbore centenaria. Outras edificacións relixiosas son a Capela de Ribela e Abelairas, e o conxunto destas edificacións constitúen o enclave monumental e relixioso de Cangas. Outros dos monumentos que tamén debemos citar, e que tamén son de grande importancia, son as casas señoriais e algún pazo, que reflicten e dan a coñecer a importancia desta parroquia no pasado, o que se debe relacionar co auxe do sector agrícola en épocas pasadas.
No ámbito da cultura, Cangas tamén alberga algún que outro persoeiro disperso no tempo, coma o poeta do Rexurdimento, Francisco Lourido Sánchez, que xogou un importante rol na literatura galega desa época xunto con outros poetas de gran renome coma Rosalía de Castro, entre outros.
A parroquia de Cangas é escenario de algunha que outra romaría estival coma as festas patronais na honra á Virxe do Carme e mailo Sagrado Corazón de Xesús. Por estas datas, Cangas, tense engalanado para celebrar e festexar numerosos festivais folclóricos, entre outros. Outras celebracións adornan tamén o noso calendario como poden ser a romaría das Abelairas ou a de San Pedro.
A nosa parroquia conta con numerosos colectivos culturais e veciñais que axudan a fomentar as fitas de unión entre os veciños e veciñas, sendo o Centro Social o eixo onde se desenvolve toda a cultura da parroquia.
Por todo isto, habemos de dicir que Cangas constitúe un referente en toda a costa cantábrica, e unido á súa privilexiada situación xeográfica, supón un claro destino turístico en calquera época do ano.
Polo tanto, se queren que os aires do Cantábrico abaneen as súas faces, gozando, así mesmo, dun paraxe natural e insólito, visiten a parroquia de San Pedro de Cangas, que non os deixará indiferentes e todos nós, os habitantes deste lugar hémolos de recibir con ledicia e agarimo.